Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro.
Escrito por Cándido Pazó (tomando como punto de partida entrevistas a ex-traballadoras realizadas polas actrices, baixo a dirección de Cristina Domínguez da Pena), o texto é unha sucesión de cadros onde se mistura realismo e ficción teatral, emoción e artificio, coa combinación de drama e humor que caracteriza os seus textos máis coñecidos (A piragua, Binomio de Newton, García, E ti que vés sendo?) para establecer unha comunicación amena e emotiva co público.
As do Peixe son catro actrices que, encarnando catro mulleres concretas, representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións. A súa memoria colectiva.
É un espectáculo sentido, bulideiro, divertido, intenso, directo, reflexivo, fresco, reivindicativo… porque así eran aquelas mulleres.
- Texto: Cándido Pazó
- Actrices: Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, Rocío González
- Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
- Iluminación: Afonso Castro
- Espazo Sonoro: Samuel Alonso
- Colaborador na produción: Avelino Cores “Fáber”
- Producción e Distribución: Belén Pichel
- Dirección: Cristina Domínguez da Pena